Thursday 28 de March de 2024

O “No la cambies Team” gaña o X Tetramaratón de San Sadurniño


Pasadas as 19.00h deste día de Xoves Santo rematou no Pavillón Municipal o X Tetramaratón de San Sadurniño. O gañador foi o “No la cambias Team”, quen se impuxo ao “Mesón O Forno” na final a catro partidos. No primeiro encontro -baloncesto- gañou o “No la cambies..”, no partido de volei houbo empate e no terceiro venceu o “Mesón O Forno”, polo que todo se decidiu no último enfrontamento, disputado a hóckey.

Foi un partido bronco, con constantes interrupcións e enfrontamentos verbais dun e doutro lado entre si e co árbitro. Á postre, e nun clima tenso malia tratarse dun evento puramente deportivo, o vencedor foi o “No la cambias Team”, por un marcador de 4 goles a 2. O premio ao fair-play foi para o equipo “Os Veteranos”, sen dúbida o de maior promedio de idade.

Polo resto, todo ben. A xente disfrutou, mallou, suou e ofreceu un fantástico espectáculo deportivo presidido polo humor e a camaradería. Non houbo lesións reseñables máis aló da leve escordadura de Marcos Piñón “Pakito” -xogador do “Mesón O Forno”- no primeiro dos partidos da rolda final.